BIO

Chámome Edita R. Oca e son a responsable do proxecto JATAFARTA. Desde o 2006 levo a dirección e a xestión do deseño e da produción no obradoiro que actualmente está aberto en Santiago de Compostela. Aínda que veño dunha familia de tradición artesá, a miña formación académica foi quen me dirixiu ata este traballo. Tras acadar a suficiencia investigadora en Belas Artes, a diplomatura en Ciencias Económicas, a titulación de Técnica Superior de Artes Plásticas e Deseño na especialidade de Volume e a realización de cursos e obradoiros no ámbito artístico e do deseño,  busco agora traspasar a miña formación intelectual ao campo da artesanía e o deseño.

A pesar de que o meu traballo se enmarca dentro das actividades tradicionais do oficio artesanal do coiro, as miñas preocupacións teñen máis que ver coa creación de obxectos desde a escultura e o deseño tratando de solucionar a peza desde perspectivas complexas e sometendo á análise calquera decisión formal, funcional ou estética. O meu traballo, pois, busca desenvolver un labor tradicional desde unha óptica contemporánea que me permita expandir a miña mirada e xerar novas perspectivas arredor da artesanía mentres defendo aspectos como a calidade, a sostenibilidade e, como non, a preocupación estética.

É importante para min ter a liberdade para pensar fóra las lóxicas do material, por iso os seus límites forman parte das miñas investigacións. Nas miñas pezas pretendo romper os esterotipos tradicionais e centrarme na labor de investigación e estudo e, deste xeito, facer aportacións ás diferentes técnicas do oficio, usar as novas tecnoloxías e explorar as posibilidades dos materiais e formas mantendo un diálogo constante entre as prácticas concretas e o traballo conceptual para que nas miñas pezas, o valor de uso e o valor creativo sexan inseparables.

Todo isto levoume a participar en diversas exposicións colectivas e publicacións no ámbito da arte e dirixiume cara á dirección do espacio cultural Almáci-gas integrado no mesmo obradoiro. Nel, o meu labor é tanto de xestión como de comisariado na procura dun lugar de encontro para o pensamento e a acción.