Luxo e artesanía

Cando escoitamos de luxo vénnos á cabeza produtos caros, obxectos aos que a meirande parte da poboación non podemos acceder. Cando escoitamos artesanía a imaxe que se forma nas nosas cabezas é a de alguén traballando nun obradoiro coas mans, sempre coas mans. Como se as mans non precisaran do pensamento para poñerse en marcha.

No prólogo de “El Artesano” Richard Sennet relata como no encontro entre Hanna Arendt e Robert Oppenheimer (alumno da filósofa e pai da bomba atómica), ela móstrase interesada porque el decatouse de que, polo xeral, as persoas que producen cousas non comprenden o que fan. 

No mesmo libro, Sennet expón que o concepto Artesanía, lonxe de ser unha actividade desvaída trala revolución industrial, é un impulso humano, un desexo de facer ben as cousas. E, así entendida, amplía o termo para abarcar todas as ocupacións: programadores informáticos, médicas, investigadoras… Explica que a recompensa emocional da artesanía é dobre e os e as artesás ocúpanse dunha realidade tanxible para modelala e poder sentirse orgullosos do seu traballo. Pero a sociedade obstaculizou estas recompensas no pasado e segue a facelo hoxe e en diferentes momentos da historia occidental, esta actividade práctica foi degradada.

Na sociedade actual, superado o consumo de masa, o luxo é un desexo. Un desexo vendido como brillo, ostentación ou grandilocuencia desde os medios de comunicación masivos: inmensas casas, grandes xoias brillantes, coches exclusivos… Un luxo “oficial” baseado en imaxinarios inalcanzables que non é quen de cohesionar nin de atravesar as fronterias do gusto (bo ou malo).

Fóra deste luxo ostentoso, está o verdadeiro luxo, aquel que si é quen de crear un imaxinario social co cal identificarse. Un luxo feito de pequenas cousas, de obxectos que nos acompañan e cos que establecemos unha relación especial porque expresan as nosas ideas e as nosas actitudes, porque constrúen a nosa identidade na sociedade ca cal interactuamos.

E este este luxo tamén é posible gracias ó traballo artesanal entendido como labor intelectual na cal os deseñadores e astesáns pensan as pezas desde o inicio, e as pensan para o público, para que as persoas que as leven comuniquen un concepto, non mostren sen máis.

A cultura permítelles transitar do local ó global o diálogo entre as súas mans e as novas tecnoloxías. Non falamos xa, como di Sennet, de traballadores manuais que usan ferramentas en obradoiros, falamos de mulleres e homes formados que son quen de vincular o seu labor á expresión plástica, que xogan coa técnica e os materiais á vez e que van á vangarda da creación porque a súa producción no está separada do produto final nin é serializable, porque a creación medra co pensamento e as coleccións, os obxectos, os elementos creados que nacen dunha reflexión evolucionan con ela. 

O traballo desta artesanía, ademáis de ser sostible, ético e solidario, crea un discurso persoal en constante diálogo cos materiais e cos seus límites. O traballo conceptual únese ás novas tecnoloxías na procura de coleccións no so exclusivas ou bonitas, senón conceptuais, únicas e que á vez cubren “unha necesidade que empeza cando rematan as nosas necesidades” como dixo Coco Chanel.