Hermés e a colaboración con artistas

A firma francesa que naceu no 1837 para elaborar accesorios ecuestres de alta gama pronto foi quen de evolucionar desde este primixenia produción para convertirse nun sinónimo de luxo e elegancia. Hoxe en día é unha das máis recoñecidas casas gracias, entre outras cousas, ós bolsos ou ós panos de seda de alta gama.

A empresa pasou de xeración en xeración e xa durante os anos de entreguerra sumouse ás correntes artísticas que renovaron o panorama europeo colaborando con artistas como Le Corbusier, os irmás Giacometti ou Sonia Delaunay. 

Co paso dos anos, xa no século XXI, Hermés continua a súa aposta pola arte levando a cabo colaboracións e financiando unha fundación para promovela. Entre as colaboracións están as series de carrés de seda con deseños de, por exemplo, por Josef Albers, quen levou os seus cadros firmados ós 200 exemplares de 6 deseños que máis tarde foron exhibidos na galería de arte Guerete de Madrid, cerca da tenda que Hermés ten na capital. Nas seguintes edicións foron artistas como Daniel Buren, Hiroshi Sugimoto e Julio Le Parc quen, inspirándose na súa obra deseñaron carrés exclusivos cos que se rompen os límites entre os accesorios e a arte, convertindo ós primeiros en pezas artísticas.

Pero non so a arte contemporánea ou os artistas occidentais teñen cabida nos famosos carré de seda. No 2016, os franceses contactaron con Ardmore Ceramics, empresa creada a mediados dos anos 80 do século XX para promover o traballo de artistas africanos. O pintor Sydney Nyabeze foi o encargado de pensar os deseños de animais e selva, tan propios do continente africano, en tons vivos e enmarcados na temática da colección de Hermés dese ano, La Nature.

A aposta pola moda, pola cultura e pola arte, xa no 2011 levara á dirección de Hermés a chamar a Cyril Phan, o grafiteiro coñecido como Kongo quen, ademáis de deseñar o carré levou a cabo unha instalación dentro do concepto carte blanche que Hermés creou para converter os seus escaparates en galerías efímeras de arte. Neste caso, a tenda elexida, a de Barcelona, tivo durante dúas semanas no seu vidro un debuxo que o grafiteiro fixo sobre unha superficie de ladrillos.

O uso dos escaparates non so como simples espacios para mostrar as coleccións, senón como espacios artísticos foron pensados e comisariados pola artista tunecina Leila Menchari que dirixiu a decoración da casa francesa entre 1978 e 2013. A impronta do seu traballo foi tal, que no 2017 a exposición Hermés à tire-d´aile. Les mondes de Leila Menchari recolleu o seu labor nunha exposición no Grand Palais parisino. 

As carte blanche que mostran o concepto de cada tempada ó tempo que promoven e difunden o coñecemento da arte contemporánea contou con artistas da talla de Pamen Pereira, Chema Madoz ou Zim&Zou. Pamen Pereira valéndose do lema de 2012, O don do tempo, explora a fugacidade do tempo e os cambios na natureza cunha instalación que encheu o escaparate de anduriñas. Chema Madoz, tamén en Barcelona, ironiza coas claves da marca (os cabalos, os bolsos, os estribos e as bridas) dándolle novos usos no seu carte blanche de 2013. E a parella de artistas franceses, Zim&Zou, nunha das tempadas do ano seguinte, levaron o seu traballo en papel a unha expresiva proposta con bosques cheos de cores e criaturas fantásticas a tenda de Dubai (como se pode ver na imaxe inferior).

Pero, a relación da marca coa arte non se limita a chamar a artistas e encargarlles que transmitan o concepto das súas coleccións. Desde a Fundación Hermés promóvense bolsas para artistas ou lévanse a cabo instalacións como a H Box (que pasou polo MUSAC de León) que xunta arquitectura, arte e novas tecnoloxías. A instalación, de Didier Faustino, formada por dúas estruturas cóncavas elevadas sobre apoios zoomórficos, reúne no seu interior, a modo de paseo polo tempo e pola memoria, os vídeos de oitos artistas novos que a fundación quere poñer en valor. Segundo explicou Pascale Mussard, a directora artística de Hermés, é unha estructura nómada propia da arte da viaxe. Un lugar donde artistas de diferentes orixes como Alice Anderson, Yael Bartana, Sebastián Díaz Morales, Dora García, Su-Mei Tse, Valérie Méjen, Shahryar Nashat e Judit Kúrtag, comisariados por Benjamín Weil, dan forma audiovisual á súa idea de recordo e itinerancia.

Recordo que se mantén na forma de facer da Hermés que, aínda hoxe, segue a elaborar os seus produtos de xeito artesanal, e itinerancia ó longo do tempo acompañado das e dos artistas consagrados ou emerxentes que son quen de conceptualizar a filosofía da firma.