HISTORIA

JATAFARTA é un taller/estudo situado en Galicia desde 1998 e actualmente está localizado en Santiago de Compostela. Adícase maioritariamente á produción de obxectos de coiro sobre todo complementos e pezas de decoración, facendo a miúdo incursións na utilización doutros materiais. Aproximándose á idea de laboratorio, intenta realizar un traballo centrado na investigación e estudo, tanto das diferentes técnicas do oficio e das novas tecnoloxías como das posibilidades dos materiais e formas, mantendo un diálogo entre as prácticas concretas e o traballo máis conceptual, onde o valor de uso e o valor artístico das producións van da man. Optimizar e adaptar os recursos para a procura dun traballo máis sostible e responsable ao mesmo tempo que se axuste aos parámetros de creatividade, calidade e sustentabilidade, son as premisas que amparan este proxecto.

Paralelamente ao desenvolvemento da súa actividade levou a cabo unha promoción e venda directa, polo que participou en numerosas feiras e exposicións non só no territorio galego e estatal, senón tamén no estranxeiro como Portugal, Milán, París, Marruecos… En ocasións amosou as súas pezas en concursos, e no caso do Antón Fraguas, o seu conxunto de espellos “Celia” foi seleccionada como finalista na modalidade de artesanía contemporánea. Actualmente intenta distribúir as súas producións en pequenos comercios e a través da súa web.

Actualmente este taller está inscrito no rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e fai uso da marca Artesanía de Galicia.


MATERIAIS

A elección dos materiais é unha cuestión importante na realización dos diferentes traballos, xa que nos deseños se xoga cos límites formais da peza resolvéndoa desde a súa funcionalidade e tendo en conta a calidade final do obxecto. Utilízanse materias de primeira calidade, peles de curtido vexetal a base de taninos naturais elaborados mediante procesos artesanais e tradicionais onde o coiro crudo se convirte nun material que perdura no tempo e coa a mesma  é respetuoso co medio ambente.

FILOSOFÍA DE TRABALLO

Nun contexto marcado pola urxencia, o auxe dun consumismo frenético, despersonalizado e perecedoiro, aprema a necesidade de sensibilizar ao público. Comezando pola concienciación ecolóxica e o aproveitamento de recursos e continuando por garantir a dignidade laboral, a artesanía preséntase como esperanza de cambio: “Cada vez atopo máis esperanza nas maneiras de facer que se levan a cabo nas actividades artesás, porque se protexen con valores como a calidade, a pequena escala, a exclusividade, o local, o traballo coidado, a creatividade e as formas de uso responsables".

...