BIO

Chámome Edita R. Oca e son a responsable do proxecto JATAFARTA. Desde o 2006, levo a dirección e xestión tanto do deseño como da produción deste taller, que actualmente está situado en Santiago de Compostela. Aínda que veño dunha familia de tradición artesá, a adicación a este traballo ten máis que ver coa miña formación académica, son licenciada en Belas Artes, diplomada en Económicas, conto ademais cun ciclo superior de Volume e varios cursos do ámbito artístico e do deseño.

A pesares de que o meu traballo se instala dentro dunha actividade tradicional como é o oficio artesanal do coiro, as miñas preocupacións teñen máis que ver coa creación de obxectos desde a idea e o deseño. Procurando pensar a peza desde perspectivas complexas, sometendo a análise calquera decisión formal, funcional ou estética na súa construción. É dicir, intento desenvolver unha labor tradicional desde unha óptica contemporánea que me permita expandir a mirada, xerar novas perspectivas ao redor da artesanía sen deixar de defender aspectos como a calidade, a sustentabilidade e a preocupación estética.

É importante para min ter a liberdade de pensar fóra das lóxicas do material; igual é por iso polo que traballo buscando tamén os seus límites. Nas miñas pezas intento romper os estereotipos marcados pola tradición do oficio e centrarme nun traballo máis de investigación e estudo. Facendo achegas tanto ás diferentes técnicas do oficio e ás novas tecnoloxías como ás posibilidades dos materiais e formas, mantendo un diálogo entre as prácticas concretas e un traballo máis conceptual, onde o valor de uso e o valor creativo das producións van da man.

En varias ocasións participei en exposicións colectivas e publicacións no ámbito da arte e actualmente dirixo un espazo cultural as Almáci-gas, integrado no propio taller, onde fago unha labor de xestión e comisariado.